Novas

Apoio de Extraco a varias iniciativas de I+D na convocatoria ‘Retos 2015’

A construtora Extraco deu o seu apoio a varios proxectos de I+D+i de universidades galegas para a convocatoria do ‘Programa estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación orientado a los Retos de la Sociedad 2015’. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica y de Innovación 2013-2016 do Ministerio de Economía y Competitividad, que dota de financiamento público aos centros de investigación españois, fomentando a colaboración entre institucións e empresas a través de proxectos de I+D+i.

Concretamente, Extraco mostrou o seu apoio expreso por carta e o seu interese en colaborar como ente observador e promotor en dúas propostas: varios estudos sobre sostibilidade e avaliación enerxética na construción, liderados polo Grupo de Enxeñería e Dirección de Proxectos da Escola Politécnica Superior do campus de Ferrol (Universidade da Coruña), e unha iniciativa que analiza diversas substancias biosurfactantes, coordinada polo Departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.

Prácticas universitarias

Así mesmo, tamén no ámbito universitario, Extraco mantén dende hai anos varios convenios de colaboración mediante os que acolle a estudantes para realizar prácticas durante os meses de verán. Hai uns días finalizaron este período de formación alumnos do Grao en Medio Ambiente da Universidade de Vigo e de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos das universidades da Coruña, Politécnica de Madrid e Alfonso X “El Sabio”, tamén de Madrid.

Entre os traballos desenvolvidos destacan o apoio e colaboración cos xefes de obra e os departamentos de I+D e Medio Ambiente. Os alumnos puideron coñecer ademais o funcionamento de diversas instalacións da empresa, como a planta de fabricación de aglomerado asfáltico en Allariz, a EDAR de Arcade (Soutomaior, Pontevedra) ou a sala de control da Autovía Ourense-Celanova.


Voltar