Novas

Os “Encontros da Enxeñería de Camiños, Canais e Portos 2021”, patrocinados por EXTRACO, finalizaron cun concerto de Nadal

As actividades programadas dentro dos “VII Encontros da Enxeñería de Camiños, Canais e Portos 2021” terminaron cun concerto de Nadal, celebrado o pasado 19 de decembro na igrexa de Santiago da Coruña. O coro de cámara “CARABÉ” interpretou para a ocasión un programa “a capella”, dedicado integramente a panxoliñas e música de Nadal, con obras que abarcaron desde o Renacemento ata os nosos días. D. Enrique Urcola, decano da Demarcación de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, foi o encargado da presentación do concerto, que contou coa asistencia de numeroso público.

Os “Encontros da Enxeñería de Camiños, Canais e Portos” son organizados anualmente polo colexio profesional, co obxectivo de promover e difundir na sociedade o labor desenvolvido por este colectivo, contando co apoio de empresas do sector da enxeñería civil e da construción, entre elas EXTRACO.

Ademais deste concerto, as actividades desenvolvidas na edición de 2021 incluíron iniciativas de divulgación abertas ao público xeral: diversas mesas redondas sobre temas relacionados coa profesión e a exposición “Deseñar Pontes”, aberta ao público na Fundación Pedro Barrié de la Maza da Coruña os meses de xuño e xullo pasados, inaugurada por D. Miguel Ángel Carrillo, presidente nacional do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, e Dna. Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

Voltar