Novas

Recoñecemento da Universidade da Coruña a Extraco polo seu apoio a proxectos de I+D+i

A Universidade da Coruña (UDC) ven de recoñecer o compromiso e colaboración de Extraco en proxectos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación impulsados pola institución académica.

A entidade organizou o pasado mes de decembro no edificio da Reitoría a xornada “A UDC coas empresas: éxitos acadados e novas oportunidades de colaboración”. Francisco Javier Prego Martínez, en representación de Extraco, foi o encargado de recoller o diploma de recoñecemento que a Universidade entregou a varias compañías galegas coas que colabora.

Extraco traballa actualmente co Grupo de Construción da Escola de Enxeñería de Camiños no proxecto denominado Biovalvo, para a valorización das cunchas de mexillón na construción, unha investigación coordinada pola profesora Belén González Fonteboa e polo catedrático Fernando Martínez Abella.

O acto estivo presidido polo Reitor da UDC, Xosé Luis Armesto Barbeito, e asistiron o Vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao Abad, e o Adxunto de Transferencia, Jerónimo Puertas. Ademais, o xefe de área do Departamento de Acción Tecnolóxica Exterior do CDTI, Emilio Iglesias Cadarso, impartiu un relatorio acerca da cooperación tecnolóxica e a internacionalización de empresas. Pola sua banda, Elena Polo, representante da Axencia Galega de Innovación, explicou as convocatorias de axudas de colaboración no ámbito autonómico previstas para 2015.

Voltar