Novas

Presentados con éxito en Ourense dos proyectos de I+D+i liderados por Extraco

Os proxectos de I+D+i ‘Biovalvo’ e ‘Sitegi’, nos que participa Extraco xunto con outras empresas galegas e as universidades da Coruña e Vigo, respectivamente, foron presentados con éxito na localidade ourensá de Allariz, no marco da xornada Sostibilidade na construción de obra civil: Novas perspectivas, que a construtora Misturas organizou con motivo do seu 25 aniversario, e que contou coa colaboración de Extraco.

Preto dun cento de persoas, na súa maioría técnicos de diferentes administracións e empresas do sector, participaron no evento, no que se deron a coñecer tamén outras iniciativas de investigación e innovación e en cuxo programa incluíuse, ademais, unha visita técnica ás plantas de fabricación de aglomerado que Extraco e Misturas posúen en Allariz.

No proxecto ‘Biovalvo’ participan, xunto con Extraco, o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e a Universidade da Coruña. A profesora Belén González Fonteboa impartiu unha conferencia explicativa, que posteriormente se completou cunha demostración práctica. Esta iniciativa prevé o uso da cuncha de mexillón como materia prima de referencia en cimentacións, drenaxes ou morteiros de diferentes usos.

Pola súa banda, o proxecto ‘Sitegi’ pretende optimizar a aplicación de sistemas integrados de tecnoloxías dirixidos á xestión de infraestruturas viarias, co obxectivo de mellorar a seguridade e reducir os custos de mantemento. O profesor da Universidade de Vigo Higinio González foi o encargado de expoñer as características deste proxecto, do que destacou a súa achega para a conservación de estradas e outras infraestruturas. Nesta iniciativa, na que participaron Extraco, Misturas e un consorcio de empresas galegas, deseñouse software e tecnoloxía para a inspección de estradas que se instalou, xunto con outros modernos sistemas de medición, nun vehículo similar ao utilizado por Google para a súa ferramenta ‘street view’. Os técnicos asistentes á xornada puideron coñecer in situ este prototipo en Allariz

Voltar