Novas

Pasarela aérea para completar o paseo marítimo de Arcade

Unha pasarela aérea sobre piares metálicos fincados serviu para conectar a área de lecer existente no peirao de Arcade coa histórica ponte medieval que cruza o río Verdugo nesta localidade pontevedresa. Extraco completou recentemente esta actuación, promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Soutomaior.

Os materiais empregados foron aluminio de calidade naval anticorrosivo, e piso e varandas de madeira tratada para garantir a integración da obra no contorno de Ponte Sampaio, parroquia pontevedresa que linda con Arcade, do xeito máis harmónico posible. A pasarela foi levantada por tramos de12 metrosde lonxitude e 2,45 de ancho exterior, e supuxo a conexión entre a praia coñecida como Finca de Cagazó e o peirao de pedra situado ao pé  da ponte medieval, da que parten unhas escaleiras, tamén de pedra, que chegan ata a estrada que cruza o vello viaduto.

A nova senda, que percorreu o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a finais do mes de xullo, días antes da súa estrea, contribúe a integrar e vertebrar todo o borde litoral.

Voltar