2026 Xan 28
Notable peso do Ministerio de Defensa na carteira de contratos de Extraco
O peso do Ministerio de Defensa na carteira de obras de Extraco está a aumentar de xeito moi significativo. O informe ‘Rearme 2022-2024’ elaborado polo Observatorio de Seguridad Nacional situou á compañía no posto 19 entre as principais empresas adxudicatarias de investimentos en equipamento realizados neste período polo citado Ministerio.
A relación recolle as 100 primeiras contratistas. Extraco aparece ligada á UTE que conformou coa empresa granadina Vivendio Sostenibilidad Energética para a construción do campus principal do Centro Tecnológico de Desarrollo y Experimentación en Xaén.
Este complexo contará con cinco edificios dirixidos á experimentación e desenvolvemento en tres áreas específicas: vehículos autónomos e conectados; sistemas antidrón e intelixencia artificial, consideradas tecnoloxías duais en sectores estratéxicos en seguridade e defensa.
A UTE xa avanzou no movemento de terras e no inicio das cimentacións dunha obra para a que se destinou unha extensión de 80.500 metros cadrados.
Ademais desta importante actuación, o Ministerio de Defensa contratou recentemente a Extraco para executar o acondicionamento e ampliación da pista de despegue e aterraxe para drons do campo de tiro e manobras El Ferral da base Conde de Gazola (León); a adecuación de locais da residencia militar de Guipúscoa para sede da Subdelegación de Defensa ou a rehabilitación do edificio 3 e Centro de Operaciones e instalacións anexas da base da ONU de Quart de Poblet (Valencia). A empresa tamén rematou hai algúns meses a mellora da eficiencia enerxética do Hospital Central de la Defensa Gómez Ulla de Madrid.
A derradeira contratación, xa no 2026, foi a redacción do proxecto e execución das obras de urbanización da nova sede do rexemento Tercio Viejo de Sicilia en San Sebastián.



