Novas

A Universidade Tecnolóxica de Panamá encarga a Extraco un novo edificio

Extraco S.A. construirá un novo edificio para a Universidade Tecnolóxica de Panamá, un inmoble de aulas no Centro Rexional de Chiriquí. O Reitor da institución educativa (UTP), Héctor M. Montemayor, entregou hai uns días a preceptiva ‘orde de proceder’ a Jorge Carballo Cabezas, representante de Extraco. Durante o acto presentáronse os detalles da obra, que se iniciará nuns meses e que ten un prazo de execución de 26 meses.

O moderno edificio constará de tres andares e albergará un auditorio con capacidade para 400 persoas, 35 aulas, unha biblioteca e unha cafetería. Habilitarase unha cancha de baloncesto, zonas de estacionamentos, control de acceso de vehículos e portón eléctrico; realizaranse tarefas de urbanización, como beirarrúas ou prazas, e de paisaxismo, e instalaranse sistemas de rego e de tratamento de augas residuais. Unha vez construído, Extraco encargarase tamén da instalación do mobiliario e equipos para as áreas comúns, exteriores, aulas, oficinas, biblioteca, laboratorios e cafetería.

No acto de entrega da orde de proceder tamén estiveron presentes a Coordinadora Xeral de Centros Rexionais da UTP, Brenda Serracín de Álvarez; o Director do Centro Rexional de Chiriquí, Abdiel Saavedra; o Director Xeral de Enxeñería e Arquitectura, Javier Navarro, e outros docentes e membros da universidade.

Esta non é a primeira vez que Extraco traballa para a Universidade Tecnolóxica de Panamá. O ano pasado obtivo a adxudicación dun importante proxecto para o deseño, construción e equipamento de edificios para a ampliación dos centros rexionais de Coclé, Azuero e Veraguas.

Enlace Video

Voltar