2023 Out 15
A rehabilitación da ponte medieval de Furelos chega ao Congreso Internacional de Patrimonio da Obra Pública
A recuperación e posta en valor da contorna da ponte medieval de Furelos (Melide), no Camiño Francés a Santiago de Compostela, fíxose un oco o pasado setembro no I Congreso Internacional de Patrimonio da Obra Pública e da Enxeñería Civil que se desenvolveu en distintas sedes de Cuenca, Toledo e Madrid.
A obra, impulsada polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana e executada por Extraco en 2022, consistiu en distintas actuacións sobre a calzada e parapetos, así como traballos de mantemento xeral na zona de paso do Camiño. Acometeuse tamén a construción dun miradoiro sobre o río, nas inmediacións da ponte, para potenciar o seu interese paisaxístico. Toda a intervención foi realizada con extremo respecto polo valor histórico e patrimonial da ponte.
A actuación desenvolvida por Extraco conformou unha das comunicacións seleccionadas para ser presentadas no congreso, que reuniu a 450 asistentes procedentes de sete países. O evento foi organizado polo Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos.