Novas

A localidade castelá de Olmedo goza dun reformado complexo de piscinas

A vila castelá de Olmedo goza este verán dun complexo de piscinas que se acaba de reformar, nunha actuación executada por Extraco e financiada de xeito conxunto polo Concello da localidade e a Deputación de Valladolid.

A obra, que terá unha segunda fase tras o período estival, supuxo importantes melloras no aparcamento, no edificio de vestiarios e no bar, así como unha completa remodelación da piscina infantil, con moderna tecnoloxía e sistemas automatizados para reducir os custos de mantemento. Neste caso duplicouse a superficie da lámina de auga, habilitáronse ramplas de acceso con pendentes suaves e pavimento contra os esvaróns, incorporáronse xogos infantís dentro do vaso e dispúxose unha área con chan de caucho para minimizar riscos.

A reforma incluíu tamén un novo peche do perímetro e a renovación do equipo de depuración con tecnoloxía que permite unha importante redución dos niveis de cloro.

Outra actuación beneficiou ao edificio principal, coa instalación de pavimento contra os esvaróns, un dispositivo de auga a presión para a limpeza dos vestiarios e melloras en illamento, con nova cuberta e pechamentos exteriores. Creáronse tamén áreas de sombra á saída dos vestiarios e o bar, con sistema de pulverización automática de auga.

O aparcamento, así mesmo, foi dotado de vías de maior dimensión e dobre sentido, con prazas para persoas con discapacidades e de bicicletas, máis iluminación e zonas de paso renovadas.

Voltar