Novas

A Axencia de Certificación en Innovación Española (ACIE) avala o proxecto Sitegi desenvolvido por Extraco

A Axencia de Certificación en Innovación Española (ACIE), acreditada por ENAC (Entidad Nacional de Acreditación), acaba de dar o seu aval ao proxecto Sitegi desenvolvido dende 2011 por Extraco en colaboración con varias empresas galegas e a Universidade de Vigo. Concretamente, rematouse o proceso de certificación da anualidade 2012, de acordo coa Norma UNE 166.001 (Proxectos de I+D) e o RD 1432/2003.

O proxecto Sitegi, Aplicación de tecnoloxías para a xestión e inspección de infraestruturas, busca mellorar a seguridade nas estradas e reducir os custos de mantemento das infraestruturas viarias. Para iso, os investigadores deseñaron software e tecnoloxía para a inspección de estradas que colocaron, xunto con outros modernos sistemas de medición, nun vehículo similar ao utilizado por Google para a súa ferramenta ‘street view’. O automóbil recompila todo tipo de datos grazas a sensores como láser escáner, termografía infravermella, fotogrametría e xeorradar, entre outros, que pasan a unha base de datos xeorreferenciada nun ordenador central, no que se sincronizan todos os sistemas para permitir a elaboración dun diagnóstico da situación real de cada infraestrutura.

Cun orzamento de 3,4 millóns, o proxecto foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dentro do Programa Operativo Fondo Tecnolóxico 2007-2014, e polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

Durante os últimos meses, esta investigación obtivo importantes recoñecementos, como o accésit concedido pola Plataforma Tecnológica Española de la Carretera nos Premios Anuais á Innovación en Infraestruturas Viarias, na modalidade de Premio ao Mellor Proxecto de I+D+i.

Voltar