Novas

Asinado outro importante contrato en Portugal para a rehabilitación dunha ponte na rexión do Algarve

O conselleiro delegado de Extraco, Javier Leandro Prada, asinou días atrás un novo contrato de notable envergadura en Portugal, concretamente na rexión do Algarve, para a rehabilitación e reforzo estrutural da ponte de Dona María, na localidade de Lagos.

A obra está previsto que empece no mes de setembro, cun prazo de execución de oito meses. Permitirá a apertura do viaduto, pechado desde hai meses polo seu elevado nivel de deterioro.

Boa parte desta actuación, concretamente o 65%, será financiada con fondos comunitarios, mentres que da parte restante farase cargo a Cámara Municipal de Lagos. Precisamente a súa presidenta, María Joaquina Matos, resaltou a importancia da obra durante o acto de sinatura do contrato por dar resposta a un notable problema de accesibilidade.

Extraco cumprirá a finais de 2014 cinco anos de presenza activa en Portugal, onde se estreou coa obra “Valorizaçao do Cais Comercial do Porto da Figueira da Foz”. Conta cunha oficina permanente en Alcochete, ao sur de Lisboa, e o arraigamento da empresa no país traduciuse tamén na súa participación en actividades de carácter técnico, como un seminario sobre corrosión en Figueira da Foz ou dous importantes encontros entre enxeñeiros de Camiños españois e portugueses.

As principais obras nas que interveu a empresa en Portugal, ademais do devandito peirao comercial, foron a rehabilitación de elementos construtivos do sistema de saneamento da Ría de Aveiro, da ponte de Pedorido sobre o río Arda, do reactor biolóxico da ETAR de Valmaior (Albergaria A Velha) ou dun pontón de drenaxe na estrada ER 374, así como a mellora ambiental e paisaxística do contorno das Murallas de Elvas; o proxecto da fronte litoral da praia de Barra ou a obra de tratamento das conducións de fondo e toma de auga na presa de Lucefecit.

Voltar