Novas

Extraco rehabilitará a estación de tren de Ramón y Cajal en Madrid

Renfe Viajeros ven de adxudicar a Extraco S.A. a rehabilitación integral e mellora da accesibilidade na estación madrileña de Ramón y Cajal, unha obra de gran complexidade e cun prazo estimado de execución de 16 meses que se enmarca dentro do Plan Integral de Mejora de los Servicios de Cercanías de Madrid 2018-2025, presentado o pasado mes de abril polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.

Actualmente a estación conta cun edificio, dúas vías e dúas plataformas comunicadas por un paso inferior con escaleiras fixas e atópase situada nunha curva pronunciada con peralte, situación que dificulta a subida e a baixada do tren.

Cos traballos agora adxudicados instalaranse dous ascensores no paso inferior existente, acondicionarase a rampla de acceso ao edificio principal e adaptaranse as plataformas á normativa vixente. Isto supoñerá a construción dunha plataforma con localización en recta para evitar un oco excesivo ata o tren. Así mesmo, habilitaranse novos encamiñamentos para facilitar os percorridos aos viaxeiros con visibilidade reducida.

A rehabilitación integral da estación pasa tamén pola renovación do edificio de viaxeiros, así como por mellorar a instalación eléctrica, colocar novas marquesiñas, adecuar o cerramento e dotala de iluminación eficiente.

O Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, presentou oficialmente estas obras o pasado 23 de maio na propia estación de Ramón y Cajal (imaxes cedidas polo Ministerio de Fomento).

Voltar