Novas

Extraco reforza a súa posición en Portugal con obras de nova planta

Extraco continúa afianzando a súa posición en Portugal con obras de nova planta. A construtora iniciou a súa actividade no país luso fai xusto unha década e durante os primeiros anos centrou os seus traballos en proxectos de rehabilitación integral de infraestruturas hidráulicas e do transporte.

Agora abre novos mercados en edificación e afronta a rehabilitación dun colexio, o segundo neste país. O Concello de Alcochete adxudicoulle os traballos de reforma, ampliación e construción de novos edificios na escola primaria  de Valbom, co obxectivo de contar cun centro escolar con capacidade para 168 alumnos (actualmente hai 96) e que inclúa espazos para impartir Educación Infantil a 50 nenas e nenos, nivel educativo co que non conta polo momento.

O contrato para levar a cabo as obras ten un prazo de execución de 270 días. O edificio existente será renovado completamente e a súa estética unificarase co novo inmoble para acadar un conxunto homoxéneo.

A rehabilitación e ampliación da escola tamén suporá, segundo indican dende o consistorio portugués, que o centro funcione como apoio á comunidade local permitindo a utilización do patio de recreo exterior e a sala de usos múltiples para actividades culturais e de carácter deportivo.

Voltar