Novas

EXTRACO mostra o seu compromiso ambiental no workshop “Materiais baseados en materias primas secundarias”, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN)

O pasado 28 de abril tivo lugar o workshop “Materiais baseados en materias primas secundarias”, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través da Materioteca de Galicia, dentro do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”. EXTRACO foi unha das relatoras convidadas á xornada técnica, celebrada en CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol (A Coruña), presentando a súa experiencia no deseño e validación de novos materiais de construción, resultantes dos proxectos de I+D+i acometidos pola empresa nos últimos anos.

Entre as propostas presentadas por EXTRACO destacaron os morteiros e formigóns desenvolvidos incorporando residuos de diversas procedencias, para a súa posta en valor e aproveitamento: cascas de mexillón (proxecto BIOVALVO. Ref. ITC-20133094); cinzas de fondo de central térmica (proxecto CENICIENTA. Ref. IN852A 2016/178) e filler de rexeitamento das plantas asfálticas da compañía (proxecto ALFILLER. Ref. IN852A 2018/39).

Estas liñas de investigación mostran o alto grao de compromiso da compañía coa sustentabilidade e o medio ambiente, nun contexto internacional (guerra en Ucraína) que puxo en evidencia a elevada dependencia que teñen as economías europeas da importación de recursos e materiais. A Comisión Europea propón, como solución, aumentar a recuperación de materias primas críticas a partir de produtos usados e o emprego de materiais reciclados, cubrindo parte da demanda e reducindo, ao mesmo tempo, a extracción cada vez máis complexa de recursos naturais.

Ademais de EXTRACO, participaron investigadores do Grupo de Construción (gCONS) e do Grupo de Estradas, Xeotecnia e Materiais da Universidade da Coruña, así como as firmas Rir&Co e Cholita recicla, nunha xornada que inaugurou Dª. María José Mariño, directora da área de Centros de GAIN.

Pode ver o programa da xornada no seguinte documento: http://www.extraco.es/wp-content/uploads/2022/06/programa-WORKSHOP-28-abril-2022.pdf

MáIs información na ligazón: https://www.materioteca.gal/es/workshop-materiales-basados-en-materias-primas-secundarias/

Voltar