Novas

Extraco lidera un proxecto de I+D para conseguir bioasfaltos a partir de residuos agroalimentarios

Extraco lidera un proxecto de investigación, en colaboración coas Universidades de Vigo(UVigo) e de Santiago de Compostela(USC), mediante o que se pretende conseguir a produción de bioasfaltos cun antioxidante de orixe natural como axente aglutinador, chamado lignina.

Baixo a denominación de ‘Proxecto Innobiorresiduos’, esta iniciativa busca a valorización de residuos agroalimentarios para a obtención de bioprodutos de alto valor engadido, como a produción de encimas e de bacteriocinas e biosurfactantes a partir de fraccións celulósicas (de utilidade no procesado e obtención de produtos madeireiros). Nela participan, xunto ao departamento de I+D de Extraco, o Grupo de Investigación de BiotecnoloxíaAgroalimentaria da UVigoe o Grupo de Investigación en Enxeñería Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA), da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC).

A investigación conta con financiamento público, obtida na convocatoria competitiva ConectaPeme 2016 da Axencia Galega de Innovación (GAIN)-Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia (Código do proxecto IN852A 2016/128), con cargo aosfondos FEDER da Unión Europea.

Xunto cos grupos de investigación citados, a este equipo encabezado por Extraco únense tamén outras cinco empresas galegas, constituíndo o Consorcio Innobiorresiduos. O proxecto iniciouse en febreiro de 2016 e desenvolverase ata finais de 2018.

Voltar