Novas

Extraco, gañadora nos “IX Premios á mellor práctica en Mobilidade Sostible e Accesible 2021” de Renault Group Fundación España

EXTRACO foi galardoada por Renault Group Fundación España e o “Club de Excelencia en Sostenibilidad” nos “IX Premios á mellor práctica en Mobilidade Sostible e Accesible”, na categoría pemes/emprendedores, tras presentar a estes premios o proxecto “ALFILLER: Valorización de filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento”. Trátase dun proxecto de I+D+i para o aproveitamento do filler de rexeitamento procedente da fabricación de mesturas asfálticas, valorizando o residuo das plantas de EXTRACO en novas dosificacións de materiais de construción. O proxecto está na liña da introdución da sustentabilidade e circularidade no sector da construción de infraestruturas do transporte, dando lugar a novos tipos de morteiros e formigóns autocompactantes, co apoio do Grupo de Construción (gCONS) da Universidade da Coruña (UDC)) e as empresas Prefhorvisa, Galaicontrol e Renga Enerxía. ALFILLER desenvolveuse entre os anos 2018 e 2021, e foi co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), Xunta de Galicia, na convocatoria competitiva para proxectos de I+D+i “Conectapeme 2018” (Ref. IN852A 2018/39).

O director xeral de EXTRACO, D. Francisco Rodríguez, recolleu o premio de mans de Dª Elena Galante, directora do “Observatorio de Movilidad” do “Club de Excelencia en Sostenibilidad”, nunha cerimonia celebrada o pasado 4 de febreiro na sede de Renault Group en Madrid, na que tamén participaron D. Carlos Fraile, director da Fundación Renault; D. Raül Blanco, Secretario Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa (Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Goberno de España) e Dª Teresa Perales, nadadora olímpica e Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2021, madriña da Fundación.

Os galardóns da Fundación Renault  Group España teñen como obxectivo poñer en valor as iniciativas máis destacadas desenvolvidas por grandes empresas, pemes/emprendedores e Administracións Públicas, para o impulso e desenvolvemento da mobilidade sostible en España, en liña coa misión da Fundación de apoiar accións para o progreso social, transmitindo o compromiso desta compañía automobilística nos ámbitos da Inclusión, o Medio Ambiente e a Seguridade Viaria.

Ademais de  EXTRACO, foron galardoadas as seguintes entidades: na categoría Administración Pública, a “Sociedad Municipal de Aparcamientos de Las Palmas de Gran Canaria” (SAGULPA) recibiu o premio polo proxecto “Solucións de Mobilidade Alternativa e Sostible na cidade de Las Palmas de Gran Canaria”,  que ofrece un servizo de bicicletas públicas intelixentes (pioneiro en España) para uso por toda a cidade nunha rede de carrís bici. Na categoría de Gran Empresa, Iberdrola recibiu o premio polo seu “Plan Mobilidade Sostible”, que presenta un novo enfoque integrado da mobilidade da compañía, con políticas e accións que involucran a empregados, actividade empresarial, clientes e provedores. O xurado outorgou, ademais, un accésit ao Concello de Coslada polo seu proxecto “Camiño Escolar en bicicleta”, que potencia o uso deste medio de transporte entre os alumnos de primaria que residen no Barrio do Porto, con apoio da Policía Local deste municipio madrileño.

Máis información en: https://prensa.renault.es/noticia.php?hash=ba66a17c4d1923e2f96b48037c5cf882&e=2170

Voltar