Novas

Extraco executa a ampliación do colexio Cruz de Chalpón de Motupe en Perú

Extraco continúa incrementando a súa actividade en Latinoamérica coa adxudicación de novas obras en Perú, concretamente cos traballos de adecuación, mellora e substitución do colexio Cruz de Chalpón. Trátase dun centro educativo situado no distrito de Motupe da provincia de Lambayeque, zona na que a empresa xa levou a cabo a construción doutras escolas.

Cun orzamento de 15,5 millóns de soles, os traballos inclúen a ampliación do actual colexio, coa execución de novas aulas e a mellora das actuais, que se atopan moi deterioradas. Así mesmo, Extraco encargarase da construción doutras instalacións para a comunidade educativa, como unha piscina climatizada, unha pista polideportiva e unha pequena igrexa, así como da dotación de iluminación exterior, zonas verdes e a instalación dun ascensor.

Os traballos están impulsados polo Ministerio de Educación de Perú, a través do Programa Nacional de Infraestructura Educativa (Pronied). Durante a execución dos traballos, Extraco habilitará unhas aulas provisionais prefabricadas para recolocar a alumnos e profesores no seu horario lectivo e poder continuar así coa actividade normal do centro.

Voltar