Novas

Extraco colabora nas labores de extinción dos incendios que cercaron Ourense

Empregados da construtora participaron nos traballos para evitar o avance do lume

Extraco colaborou durante a xornada do 21 de agosto nos labores de extinción dun dos incendios que dende o mediodía cercaron a cidade de Ourense. Dende un primeiro momento, a construtora púxose a disposición da Xunta de Galicia e dos efectivos de emerxencias para axudar en todo o que fora necesario.

Un grupo de traballadores esforzouse durante toda a xornada e a noite seguinte en sufocar as lapas e evitar que o lume alcanzase as vivendas e as propias instalacións da empresa, situadas entre a parroquia de Velle e o barrio da Lonia, lugares nos que se produciron os incendios. Extraco facilitou maquinaria pesada para axudar nas tarefas de extinción, entre a que destacan dúas retroescavadoras que se utilizaron para cortar o avance das lapas.

Efectivos da Garda Civil, Policía Nacional e Local, Seprona, Bombeiros, Unidade Militar de Emerxencias (UME), Protección Civil de Barbadás e medios aéreos da Xunta de Galicia acudiron ao lugar para controlar a situación, avaliar as necesidades e facilitar os medios necesarios para a extinción, realizando un extraordinario traballo, que evitou que as chamas entrasen nas instalacións de Extraco e se produciran máis danos, xa que na zona hai un surtidor e un depósito enterrado de gasóleo. Os equipos de extinción continuaron refrescando a zona e apagando os rescaldos deste incendio ata o pasado domingo, 25 de agosto.

A compañía agradece o traballo de todos os efectivos de seguridade participantes, que traballaron arreo para controlar e apagar os incendios evitando danos maiores, e condena así mesmo a conduta dos incendiarios, pois todo apunta a que foron intencionados. Extraco lamenta que ano tras ano sigan producíndose estes terribles feitos e espera que os culpables sexan identificados e postos a disposición xudicial.

Finalmente, Extraco agradece a colaboración de Mercedes López Rubin por varias das fotografias do incendio que se adxuntan.

Voltar