Novas

Extraco colabora na organización dunha xornada técnica sobre sostibilidade na obra civil impulsada por Misturas

Extraco colabora na organización da I Xornada Técnica ‘Sostibilidade na construción de obra civil: Novas perspectivas’, un encontro impulsado pola construtora Misturas con motivo da celebración do seu 25º aniversario e que terá lugar o vindeiro 18 de xuño na localidade de Allariz (Ourense).

Técnicos de diferentes administracións, empresas e universidades participarán nesta xornada, que prevé reunir arredor dun cento de asistentes e que conta tamén coa colaboración do Concello de Allariz.

Durante o encontro presentaranse varias iniciativas de I+D+i nas que traballa Extraco, como o proxecto ‘Biovalvo’, para a valorización das cunchas de mexillón na construción, que desenvolven un consorcio de empresas e institucións como o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e a Universidade da Coruña. Exporase tamén o proxecto ‘Sitegi’, que optimiza a aplicación de sistemas integrados de tecnoloxías para a xestión de infraestruturas viarias co obxectivo de mellorar a seguridade e reducir os custos de mantemento. Nesta  actuación participan entre outras empresas, Misturas e Extraco, así como a Universidade de Vigo.

Haberá outros dous relatorios sobre técnicas viarias adaptadas ao cambio climático e acerca do uso de mesturas bituminosas en frío fabricadas con RCD´s.

Esta primeira edición da xornada contempla tamén unha visita técnica ás plantas de fabricación de aglomerado, en frío e quente, que as empresas Misturas e Extraco, respectivamente, posúen no polígono industrial de Chorente, na mesma localidade de Allariz. Alí os asistentes poderán comprobar in situ algúns dos resultados dos devanditos proxectos ‘Biovalvo’ e ‘Sitegi’.

Voltar