Novas

Extraco colabora no II Congreso Internacional de Enxeñería Civil e Territorio Galicia-Norte de Portugal

Auga, cultura e sociedade é o lema do VI Encontro organizado pola Ordem dos Engenheiros de Portugal-Rexión Norte, e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e que se fixo coincidir nesta ocasión co II Congreso Internacional de Enxeñería Civil e Territorio de Galicia-Norte de Portugal. Extraco figura na relación de colaboradores deste congreso, fixado para os días 20 e 21 de maio no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo (Pontevedra).

O programa deseñouse sobre tres grupos de traballo: Auga e Enerxía, Auga e Sociedade, e Auga e Empresa. Extraco preparou para o congreso unha comunicación específica titulada Aplicación da unidade móbil de inspección Sitegi para análise e conservación do patrimonio cultural hidráulico, utilizando como exemplo o espectacular resultado obtido con esa iniciativa de I+D+i na rehabilitación da Ponte Romana de Lugo.

O proxecto Sitegi, desenvolvido pola Universidade de Vigo xunto con varias empresas, entre as que se atopan Extraco e Misturas, esta última adxudicataria da devandita reforma realizada en Lugo, é un innovador sistema de xestión, análise e inspección de infraestruturas lineais. Permite unha toma de datos automatizada e aplica nunha única unidade móbil de inspección os últimos avances para a adquisición de información cuantitativa e cualitativa das estruturas estudadas e do estado interno dos materiais. En concreto inclúe láser escáner móbil 3D, xeorradar, perfilómetro e cámaras termográficas. A información intégrase no sistema de xeito conxunto e permite dar prioridade con enorme fiabilidade ás actuacións de mantemento e conservación que necesitan estas infraestruturas.

Voltar