Novas

EXTRACO celebrou o 44º aniversario da Carta Magna patrocinando por segundo ano consecutivo o “Concurso Escolar da Constitución Española” de Ourense

O pasado 6 de decembro tivo lugar no Auditorio Municipal a 38ª edición do “Concurso Escolar da Constitución Española”, organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense. Trátase dun certame escolar de carácter anual que ten por obxectivo achegar e difundir nos colexios da provincia os principios democráticos recollidos na Constitución Española de 1978, norma suprema do ordenamento xurídico español á que están suxeitos todos os poderes públicos e os cidadáns da nación.

Durante este acto festivo entregáronse premios a 40 alumnos e alumnas da provincia polos seus debuxos, fotografías e traballos escolares centrados nos dereitos e deberes fundamentais recollidos no Título I da Carta Magna. Concedéronse 20 premios na categoría de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, cuxo agasallo foi un exemplar da Constitución, e 20 na categoría de ESO, Bacharelato e Ciclos Medios de Formación Profesional, que foron premiados cunha viaxe a Madrid para visitar o Congreso dos Deputados e o Senado.

Ademais dos premios escolares, foron entregados recoñecementos a colectivos e persoas que destacaron polo seu labor de servizo e entrega á sociedade ourensá ao longo do ano. Xunto á Asemblea Provincial da Cruz Vermella (pola asistencia integral e primeira vivenda ofrecidas a refuxiados ucraínos), tamén foron distinguidos as seguintes institucións, na categoría de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: o “GREIM”, grupo de especialistas en rescate e intervención en montaña da Garda Civil, con sede en Trives; o equipo de investigación do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e a Policía Xudicial da Garda Civil, destacando o seu esforzo conxunto para investigar a vaga de incendios sufrida na provincia o pasado verán.

D. Juan Carlos Blázquez Hernández, comisario xefe da Policía Nacional en Ourense, a piques de xubilarse tras 42 anos de servizo, foi o encargado de recibir o agradecemento colectivo aos membros da comisaría polo seu traballo diario en favor da convivencia democrática.

O alcalde de Ourense, D. Gonzalo Pérez Jácome; o presidente da Deputación, D. José Manuel Baltar; o delegado da Xunta, D. Gabriel Alén, e o subdelegado do Goberno, D. Emilio González Afonso, xunto con outras autoridades provinciais e representantes das empresas patrocinadoras do concurso, entre elas EXTRACO, fixeron entrega dos premios cos que se celebrou o 44º aniversario da nosa Constitución.

Voltar