Novas

Entra en servizo o novo complexo administrativo “ESPAZO AMIZAR” da Coruña, tras varias xornadas de portas abertas.

O novo complexo administrativo “Espazo Amizar”, construído por unha UTE EXTRACO-Gómez Crespo para a Xunta de Galicia, atópase totalmente operativo desde febreiro pasado, tras completar o traslado de 280 funcionarios das Consellerías de Política Social e de Emprego e Igualdade e abrirse ao público os servizos previstos no novo edificio.

Previamente, durante o mes de xaneiro, celebráronse varias xornadas de portas abertas polas que pasaron máis de 4.000 coruñeses, tras a decisión da Xunta de Galicia de compartir coa cidadanía a reapertura da antiga delegación de Sanidade da Coruña da rúa Gregorio Hernández, reconvertida no novo complexo público “Espazo Amizar”. Nas visitas explicáronse con detalle a historia, o proceso de recuperación e rehabilitación do inmoble e a nova distribución das dependencias do emblemático edificio, de máis de 6.300 m2 de superficie.

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, D. Gonzalo Trenor, participou nunha destas visitas, destacando que “o Espazo Amizar é unha obra singular, vangardista e moderna desde o punto de vista arquitectónico”. O representante do goberno galego explicou as tres principais actuacións levadas a cabo nesta obra. Por unha banda, a rehabilitación integral do espazo administrativo da Xunta de Galicia para levantar o novo complexo de servizos, que se reparte entre o edificio prisma, de planta rectangular e 5 alturas, e o edificio óvalo, de 4 alturas, conectados por unha zona de paso e que comparten un salón de actos. En segundo lugar, a rehabilitación da antiga base medicalizada para convertela na futura sede de Urxencias Sanitarias do 061. Por último, leváronse a cabo traballos de urbanización exterior, coa creación dunha praza común, accesos independentes e novas zonas de aparcamento.

O novo inmoble tamén reserva un espazo para entidades sen ánimo de lucro, que se adxudicará a través dun concurso público, para ocupar os 12 locais dispoñibles no edificio.

Voltar