Novas

Entra en servizo a nova Terminal de Autobuses de Ourense, parte da futura Estación Intermodal da cidade

O pasado mes de febreiro entrou en servizo a nova Terminal de Autobuses de Ourense, que ficará integrada na futura Estación Intermodal da cidade, actualmente en fase de obras.

A nova terminal foi acometida pola UTE formada polas empresas galegas EXTRACO, Construccións e Proxectos, S.A. e Construcións Taboada e Ramos S.L. para a Axencia Galega de Infraestruturas-Xunta de Galicia, e é o resultado dun convenio de colaboración entre a administración autonómica e o Ministerio de Transportes, o Concello de Ourense e o ente público ADIF-Alta Velocidade.

Coa chegada do ferrocarril de Alta Velocidade (AVE) á cidade, a obra agora terminada permitirá o traslado de viaxeiros entre a estación de tren e de autobuses, creándose así a futura Estación Intermodal de Ourense: trátase dunha infraestrutura que pon ao dispor dos usuarios a posibilidade de combinar diferentes modos de transporte público dunha maneira rápida e eficiente, con menores custos ambientais e económicos.

As novas instalacións contan con 13 dársenas para autobuses, colocadas en forma de espiña de peixe, e un edificio de servizos ao viaxeiro, situado entre as plataformas de embarque e o edificio da terminal ferroviaria, co que se integra. A obra complétase cun novo espazo axardinado perimetral, destinado a aliviar o urbanismo da zona e dar continuidade á praza pública que se sitúa fronte á actual estación de tren, na que se prevé construír un novo aparcamento subterráneo.

Pode ver a evolución da obra no seguinte vídeo:

https://vimeo.com/538604470

 

Voltar