Novas

O conselleiro Agustín Hernández estrea a humanización da travesía de Sabarís en Baiona

A humanización da travesía principal de Sabarís, en Baiona, abrangue un espazo de 500 metros lineais na rúa de Xulián Valverde, dende a rotonda da ponte romana, e permitiu a creación dun espazo ordenado, con sinalización renovada, distribución de puntos ecolóxicos, mobiliario urbano e áreas axardinadas con árbores. En total habilitáronse 57 prazas de aparcadoiro, con ata sete pasos de peóns, e realizáronse todos os traballos necesarios para a canalización dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, enerxía e telecomunicacións.

O conselleiro Agustín Hernández estreou esta obra a finais do pasado mes de xullo durante unha visita a Baiona na que resaltou que a humanización executada por Extraco reforza o carácter comercial e turístico da localidade. Recordou que a actuación se levou adiante grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia dentro do denominado Plan Hurbe.

Para este traballo, Extraco necesitou demoler os pavimentos preexistentes e realizar a escavación do terreo para a instalación das canalizacións, substituíndo as redes de abastecemento de auga, telefonía, eléctrica, de gas e de saneamento. Posteriormente colocáronse pavimentos de lousas de granito, pezas especiais de canalización, bolardos, farois e elementos de xardinería.

Voltar