2015 Nov 18
Completada a rehabilitación da ponte de Dona María en Lagos, Portugal
A ponte de Dona María, na localidade de Lagos (Portugal), sometida a unha obra de rehabilitación de gran envergadura na que participou Extraco, está xa plenamente operativa.
A construtora con sede en Ourense formou parte deste proxecto xunto con outras empresas portuguesas (Futurlagos, GSET-Global, Serviços e Engenharia Total e Consulmar-Projetistas e Consultores).
O traballo, de gran importancia para a cohesión urbana da cidade e que se prolongou durante 11 meses, acadou un orzamento superior ao millón de euros e estivo cofinanciado nun 65% por fondos comunitarios, ademais de contar coa achega da Cámara Municipal de Lagos.
Entre distintos aspectos da obra destacan o reforzo estrutural dos piares da ponte a través da execución de micropilotes, a rehabilitación arquitectónica, a construción dun novo taboleiro cunha estrada con dous carrís e outro para bicicletas e peóns, e a reposición das canalizacións de auga e de telecomunicacións.
Extraco leva xa máis de cinco anos de presenza activa en Portugal, país no que realizou obras como a ‘Valorizaçao do Cais Comercial do Porto da Figueira da Foz’, ou a rehabilitación de elementos construtivos do sistema de saneamento da Ría de Aveiro, da ponte de Pedorido sobre o río Arda, do reactor biolóxico da ETAR de Valmaior (Albergaria A Velha) e dun pontón de drenaxe na estrada ER 374; a reforma ambiental e paisaxística de boa parte do contorno das murallas de Elvas, ou a construción da ponte sobre Ribeira Grande en Fronteira, entre outras.
Voltar

