Novas

Extraco lidera un proxecto de I+D que mellora a seguridade en estradas e abarata o mantemento

Un prototipo similar pero tecnicamente máis completo ao utilizado por Google para a súa ferramenta “street view” recolle todo tipo de datos sobre o estado das vías.

Extraco participa nun ambicioso proxecto de I+D que permitirá crear e adaptar modernos sistemas tecnolóxicos para mellorar a seguridade en estradas e reducir os custos de mantemento. En concreto, a iniciativa, na que toman parte outras compañías galegas e a Universidade de Vigo, e que está financiada con fondos europeos, desenvolve software e tecnoloxía para a inspección de infraestruturas co obxectivo de optimizar a toma de decisións sobre a necesidade de executar ou non rehabilitacións en pontes, túneles, pavimentos, viadutos e noiros.

Concretamente, os investigadores están a crear un prototipo similar ao que utiliza o coche de Google para tomar todas as imaxes que introduce na súa ferramenta ‘street view’ de mapas, aínda que con aplicacións tecnolóxicas novas e específicas e cunha precisión centimétrica. Deste xeito, un vehículo no que se instala o instrumental percorre as estradas recollendo ao momento todo tipo de datos necesarios para establecer un diagnóstico do estado da vía. Este prototipo conta con diferentes sensores, como láser escáner, que permite unha toma masiva de datos e crea as imaxes a partir de nubes de puntos, termografía infravermella, fotogrametría, vídeo, xeorradar, perfilometría láser e sistema de localización global.

Todos os datos recompilados pasarán despois a unha base xeorreferenciada nun computador central grazas ao deseño dun software de control que sincroniza todos os sistemas e permite establecer un diagnóstico da situación real de cada infraestrutura. Este sistema facilita a realización de estudos sobre a sinalización das estradas ou sobre a situación das saídas e entradas a estas.

Unha das principais vantaxes deste proxecto é o enorme aforro de custos e de tempo nos traballos de mantemento das estradas. Nun día de toma de datos, o coche pode rexistrar información de máis de 200 quilómetros, para o que agora se necesitarían varias xornadas de traballo sobre o terreo e equipos técnicos e humanos cuantitativamente moi importantes e especializados en distintos campos. O sistema posibilita tamén que as revisións do estado das vías se poidan facer con máis frecuencia e así establecer prioridades nas actuacións de conservación, sobre todo tendo en conta o escenario económico actual, no que con menos recursos non se poden deixar pasar as cuestións relacionadas coa seguridade viaria.

O traballo, que recibe o nome de Proxecto Sitegi, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dentro do Programa Operativo Fondo Tecnolóxico 2007-2013, e polo Centro para Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI). Xunto a Extraco participan nesta investigación as empresas galegas Misturas, Insitu Enxeñería, Enmacosa e Lóxica, así como o Grupo de Investigación TF1 da Universidade de Vigo. O proxecto, no ecuador dos tres anos previstos para a súa execución, ten un presuposto de máis de 3,7 millóns de euros.

O proxecto Sitegi conta con case unha decena de obxectivos específicos:

  1. Deseñar e fabricar un sistema integrado de inspección de infraestruturas, un prototipo básico de unidade móbil no que estarán integrados todos os aparatos necesarios para a toma masiva de datos.
  2. Desenvolver protocolos para inventariar as infraestruturas en estradas.
  3. Definir os métodos de documentación de estradas e as súas infraestruturas asociadas mediante os sensores non destrutivos integrados na unidade móbil de inspección.
  4. Desenvolver métodos de avaliación para establecer o diagnóstico do estado dunha determinada vía.
  5. Identificar requisitos de mantemento para unha axeitada conservación das estradas.
  6. Potenciar a cooperación entre empresas e a transferencia do coñecemento dos centros de investigación ao sector produtivo.
  7. Diminuír o custo económico que presenta o mantemento das infraestruturas no territorio español e incrementar a seguridade nestas.
  8. Potenciar o uso das tecnoloxías que fagan que as empresas participantes sexan máis competitivas a nivel global e que se favoreza a súa internacionalización.
Voltar