Novas

Comezan os traballos de construción da futura Estación Intermodal de Ourense

A UTE formada por Extraco e Taboada e Ramos iniciou os traballos para a construción da terminal de autobuses da futura Estación Intermodal de Ourense, despois de que a Xunta de Galicia lle adxudicara a obra o pasado mes de maio.

Esta terminal contará con trece dársenas de operación e tres de regulación, e cun edificio de máis de 700 metros cadrados construídos no que se situarán os servizos de venda de billetes, consignas de equipaxes, oficinas e zonas de aseo.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou o pasado 19 de setembro a zona, acompañada pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

Os traballos que se acaban de iniciar enmárcanse dentro da primeira fase do proxecto da Intermodal de Ourense, deseñada por Norman Foster, xunto coa construción dun aparcadoiro subterráneo con 300 prazas. Durante os primeiros días, os operarios procederon ao acondicionamento do acceso para facilitar a entrada das máquinas á obra e o baleirado de dous edificios para a súa posterior demolición.

Voltar