Novas

Aenor renova a certificación do sistema de xestión de I+D+i de Extraco

A Asociación Española de Normalización y Certificación (Aenor) renovou este mes de abril a certificación do sistema de xestión de I+D+i de Extraco conforme á norma UNE 166.002:2021 por un período de tres anos.

Este sistema fora implantado pola compañía no ano 2009, coincidindo coa creación dun departamento de I+D+i propio, e validado por primeira vez por Aenor no 2011. O alcance do certificado foi crecendo paulatinamente dende ese ano, conforme aos proxectos e temáticas que a empresa foi abordando na súa actividade investigadora e de innovación.

Entre os proxectos acometidos por Extraco nestes anos destacan Sitegi (aplicación de tecnoloxías para a xestión e inspección de infraestruturas), Biovalvo (uso de cunchas de bivalvos galegos para a fabricación de novos tipos de morteiros e  formigóns) e Keops (desenvolvemento de solucións cementantes xeopoliméricas a partir de residuos de construción), todos eles cofinanciados polo Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.

O largo listado inclúe tamén Innobiorresiduos (aproveitamento de residuos agroalimentarios en diversas aplicacións, como a fabricación de pavimentos), Cenicienta (utilización de cinzas de fondo das centrais térmicas en obra civil e edificación), Geo4Radón (uso da enerxía xeotérmica do terreo, incorporando ademais enerxía aerotérmica e solar térmica, con integración nun único dispositivo), Alfiller (valoración do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento) e Topacio (tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais), iniciativas cofinanciadas pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia.

Voltar