Novas

Aenor avalía e renova a certificación do Sistema de Xestión de I+D+i de Extraco

A Asociación Española de Normalización y Certificación (Aenor) acaba de completar a preceptiva auditoría e dar a súa conformidade ao proceso de avaliación do Sistema de Xestión de I+D+i desenvolvido e implantado por Extraco segundo a Norma UNE-EN-ISO 166002:2006 e que foi creado no ano 2009 para coordinar todas as actividades de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica realizadas pola empresa.

En concreto, a certificación abrangue as accións de I+D+i ligadas ao aproveitamento, reciclaxe de materiais e eliminación de residuos aplicados á produción de mesturas bituminosas, dispositivos de seguridade viaria, tecnoloxías de inspección de infraestruturas lineais e estradas, e control de corrosión en formigón armado.

O peso dos proxectos de investigación e innovación en Extraco crece ano tras ano. Xa con anterioridade á creación do Sistema de Xestión certificado por Aenor, entre os anos 2006 e 2009 participou en interesantes iniciativas sobre optimización de solucións de seguridade viaria aplicadas desde a conservación, tratamentos preventivos de vialidade invernal ou sobre o deseño dun sistema de posicionamento por satélite para a mellora da xestión das frotas de vehículos quitaneves e auxiliares.

Hoxe a empresa colabora en numerosos proxectos de I+D+i coa Plataforma Tecnológica Ferroviaria Española, a Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente, as universidades da Coruña e Vigo, ou o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial.

Voltar