Novas

Extraco e outras empresas galegas completan con éxito un proxecto de I+D para optimizar o mantemento de infraestruturas

Un consorcio de empresas entre as que se atopa Extraco acaba de completar con éxito un ambicioso proxecto de investigación para mellorar a seguridade en estradas e abaratar o custo de mantemento destas e outras infraestruturas. En colaboración coa Universidade de Vigo, Extraco e outras catro compañías galegas desenvolveron o proxecto Sitegi, que foi presentado aos medios de comunicación no campus de Vigo.

Durante os últimos tres anos e cun presuposto de 3,6 millóns de euros, os investigadores deseñaron software e tecnoloxías para a inspección de infraestruturas mediante a creación e adaptación de modernos sistemas que se colocaron nun vehículo prototipo, similar ao utilizado por Google para a súa ferramenta ‘street view’, aínda que con aparatos moi específicos e precisión centimétrica.

Este vehículo permite percorrer as estradas recollendo ao momento todo tipo de datos grazas ao uso de diferentes sensores como láser escáner, termografía infravermella, fotogrametría, vídeo, xeorradar, perfilometría láser e sistemas de localización global. Toda a información pasa despois a unha base de datos xeorreferenciada nun ordenador central, no que se sincronizan todos os sistemas, permitindo así elaborar unha diagnose da situación real de cada infraestrutura.

Tal e como explicou Francisco Javier Prego, do Dpto. de I+D, na presentación, unha das principais vantaxes deste proxecto é o enorme aforro de custos e de tempo nos traballos de mantemento de estradas. Permite, ademais, que as revisións do estado das infraestruturas se fagan con máis frecuencia e así establecer prioridades nas actuacións de conservación e rehabilitación.

O Proxecto Sitegi está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dentro do Programa Operativo Fondo Tecnolóxico 2007-2014, e polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI). Xunto a Misturas, participan nesta investigación as empresas galegas Insitu Enxeñería SL, Enmacosa, Misturas, SA e Lóxica SL, así como o grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo.

Durante a presentación, os investigadores destacaron o importante papel que este prototipo pode xogar na administración pública, xa que se trata de equipos que permiten controlar, de xeito exhaustivo, a construción dunha obra ou o seguimento detallado de vías que xa están en servizo. Ata o momento, as empresas puideron probar esta tecnoloxía en obras como a autovía Ourense-Celanova ou a rehabilitación da Ponte Romana de Lugo, entre moitas outras.

Recoñecemento estatal

Este proxecto de I+D+i xa obtivo importantes recoñecementos nos últimos meses. De feito, a Plataforma Tecnológica Española de la Carretera concedeulle un accésit nos Premios Anuais á Innovación en Infraestruturas Viarias, na modalidade ‘Premio ao Mellor Proxecto de I+D+i’.

Voltar