Novas

Extraco supera con éxito a auditoría do CDTI para continuar co Proxecto Sitegi

A Universidade de Vigo recoñeceu o labor da empresa pola súa colaboración en diferentes iniciativas de investigación e prácticas para alumnos

Extraco acaba de superar con éxito a auditoría anual de seguimento que lle permite continuar desenvolvendo o Proxecto Sitegi, un ambicioso traballo de I+D que posibilitará crear e adaptar modernos sistemas tecnolóxicos para mellorar a seguridade nas estradas e reducir os custos de mantemento. Xunto con outras empresas e a Universidade de Vigo, a compañía ourensá está a desenvolver e a poñer en marcha un software específico e tecnoloxías para a inspección de infraestruturas, co obxectivo de recompilar datos de distintos parámetros nas vías, que posteriormente axudarán na toma de decisións sobre a necesidade de executar rehabilitacións en pontes, túneles, viadutos, pavimentos e noiros.

Un técnico do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), dependente do Ministerio de Economía y Competitividad, que financia o proxecto, desprazouse a principios de agosto ás instalacións de Extraco, para comprobar o avance do Sitegi. Concretamente, puido analizar a unidade móbil de inspección desenvolvida no proxecto, na que se colocou un novo remolque para as antenas xeorradar, así como cámaras termográficas e un perfilómetro láser.

Durante a auditoría tamén visitou varias tramos de proba construídos “ex profeso” para o proxecto, no que se realizaron traballos de calibración e protocolos de actuación, como a autovía Ourense-Celanova, o tramo Rairo-Bamposta da estrada OU-510 ou a planta de aglomerado asfáltico que Extraco ten na localidade de Allariz.

Recoñecemento institucional:

Por outra parte, a empresa foi distinguida recentemente pola Universidade de Vigo pola súa colaboración con esta institución académica en diferentes proxectos de investigación, entre os que se encontra o Sitegi, e en programas de prácticas para alumnos universitarios.

O acto de agradecemento, impulsado polo Consello Social da Universidade de Vigo que preside Ernesto Pedrosa e que se celebrou o pasado mes de xuño no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas, quixo celebrar a implicación do tecido empresarial do entorno, co que a institución académica ten asinados máis de 2.000 convenios de colaboración.

Voltar