Novas

Extraco lidera un proxecto para utilizar en construción as cunchas de moluscos

Extraco lidera un consorcio de empresas que, xunto a institucións de referencia no ámbito da investigación en Galicia como o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enseñería Civil) e o Grupo de Construción da Universidade da Coruña, está a desenvolver un novo proxecto de I+D+i centrado na valorización das cunchas de moluscos, empregándoas en construción. Trátase dunha iniciativa bautizada como “Proxecto Biovalvo” na que tamén participa financeiramente o CDTI (Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial), dependente do Ministerio de Economía y  Competitividad.

As cunchas de bivalvos están compostas maioritariamente por carbonato cálcico, e a día de hoxe deposítanse case exclusivamente en vertedoiros, sen usos alternativos. Tendo en conta o custo enerxético e económico da trituración de rocha para convertela en áridos para construción, o equipo de investigación formulou a posibilidade de derivar este material a aplicacións granulares.

O proxecto, que está a ter notable eco nos medios de comunicación, estuda en primeiro lugar o uso da cuncha de mexillón como materia prima de referencia, pois supón máis do 70% do residuo xerado, por enriba do berberecho e da ostra. O destino final que se lle daría sería o seu uso na construción de cimentacións, drenaxes ou morteiros de diferentes usos, pola súa alta capacidade como elemento illante.

Neste sentido, é importante destacar a forma planar característica das cunchas, que permite que, ao compactarse, os áridos fabricados xeren macroporos que reteñen o aire. Esta característica confire ao material notables propiedades como illante térmico, con valores equiparables aos que se poden obter en arxilas expandidas ou madeiras lixeiras. Ademais, o tamaño do poro converte ás cunchas trituradas nun bo produto para o seu emprego en elementos de drenaxe.

O Proxecto Biovalvo pretende desenvolver e cualificar no ámbito medioambiental os destinos máis adecuados para poñer en valor este material, como son mesturas bituminosas, morteiros e formigóns (en canto a aplicacións ligadas cun conglomerante), e como illamento, recheo en cimentación e elementos de drenaxe e capas de firme en usos non ligados (de carácter granular).

Os estudos realizados ata agora apuntan a que as capacidades illantes e de drenaxe son as dúas propiedades que distinguen claramente os áridos tradicionais dos obtidos a partir das cunchas de moluscos trituradas.

O Proxecto Biovalvo é idóneo, así mesmo, para o seu desenvolvemento en Galicia, pois se trata dunha das áreas con maior produción acuícola e marisqueira a nivel mundial: a industria do mexillón xera 200.000 toneladas de residuos por ano, coa provincia da Coruña á cabeza (cunha produción do 65% do volume total).

Voltar