Novas

Extraco cumpre tres anos de presenza en Portugal

A empresa entrou no mercado luso a través da execución de rehabilitacións estruturais e consolidou a súa actividade cunha oficina permanente en Lisboa.

Extraco estreouse en Portugal en decembro de 2009 coa obra “Valorizaçao do Cais Comercial do Porto de Figueira da Foz” e mantén dende entón unha actividade constante neste territorio. Conta cunha oficina permanente en Alcochete, ao sur de Lisboa, e o arraigamento da empresa no país traduciuse tamén na súa participación en actividades de carácter técnico, como un seminario sobre corrosión en Figueira da Foz ou un encontro entre enxeñeiros de Camiños españois e portugueses para analizar o desenvolvemento da profesión na Península Ibérica.

As principais obras nas que interveu a empresa ourensana en Portugal, ademais do peirao comercial xa referido, foron a rehabilitación de elementos construtivos do sistema de saneamento da Ría de Aveiro, da ponte de Pedorido sobre o río Arda, do reactor biolóxico da ETAR de Valmaior (Albergaria A Velha) ou dun pontón de drenaxe na estrada ER 374, así como a mellora ambiental e paisaxística do contorno das Murallas de Elvas. Hoxe executa o proxecto da fronte litoral da praia de Barra e a obra de tratamento das conducións de fondo e toma de auga da presa de Lucefecit, ademais doutras actuacións de menor envergadura.

En Figueira da Foz participou no seu día nun seminario titulado “Inspección, diagnóstico e reparación de estruturas expostas ao medio marítimo”. Alí, ademais de ofrecer un relatorio sobre rehabilitación de estruturas a cargo dos enxeñeiros da empresa Francisco Rodríguez, representante en Portugal, e Francisco Javier Prego, do Departamento de I+D+i, Extraco foi protagonista da presentación (na imaxe) dun innovador sistema de protección catódica contra a corrosión en estruturas de formigón, instalado no peirao comercial do porto de Figueira da Foz, na desembocadura do río Mondego.

Voltar