Novas

Extraco constrúe o novo centro de saúde de Barbadás

Extraco foi a empresa responsable, en UTE xunto a Misturas, da construción do novo centro de saúde de A Valenzá, no concello de Barbadás (Ourense), que abriu ao público hai poucas semanas.

O novo edificio, promovido polo Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia, ten unha superficie de case 2.000 metros cadrados e comprende tres volumes, dous laterais e un central, e está enclavado nun desmonte a media ladeira, na populosa zona de A Valenzá, moi próxima de Ourense capital.

Na planta baixa está a entrada principal, baixo un gran beiril de formigón visto. Na súa parte central atópanse os vestiarios, almacén de residuos, oficios e as consultas de pediatría, sala de técnicas e de urxencias. Nun dous laterais desta planta atópanse a área do programa de muller, a consulta da matrona e unha sala de educación para a saúde;  e no outro hai salas de instalacións, caldeiras e demais zonas de mantemento do novo inmoble.

A planta alta ocupa só a parte central do edificio, na que se encontran as consultas de medicina xeral e de odontoloxía.

Os corpos laterais están retranqueados respecto ao volume central. Na zona sur habilitouse a entrada para ambulancias e coches de servizo e rematouse cara a beirarrúa cun xardín. Na zona norte configurouse unha nova praza pública, con espazos verdes e unha bancada que, ademais de dar servizo á cidadanía, serve para a evacuación de emerxencia da planta superior.

En canto aos materias empregados, destaca a utilización de formigón (máis de 3.500 m3). Todas as fachadas están resoltas con formigón visto en táboa de 10 centímetros e aluminio anodizado en cor gris, que aporta sobriedade ao conxunto do edificio. Nos interiores, as cores empregadas foron unha combinación de branco e de gris, alternándose nas diferentes salas do edificio.

Voltar