Novas

Apoio ás atividades da nova temporada de Amigos da Ópera de Vigo

O Outono Lírico 2012 + 1  inclúe ópera, ballet, conferencias sobre o bicentenario Wagner-Verdi ou a proxección do ciclo completo de O anel do Nibelungo

A asociación Amigos da Ópera de Vigo conta esta nova tempada coa colaboración especial de Extraco para o desenvolvemento da súa ampla programación, especialmente dedicada ao bicentenario do nacemento dos compositores Giuseppe Verdi e Richard Wagner.

O Outono Lírico 2012+1, que se estenderá ata o 22 de decembro, está patrocinado pola Xunta de Galicia, Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) e o Concello de Vigo, e na súa nómina de colaboracións figuran, ademais de Extraco, a Universidade de Vigo, o Conservatorio Superior de Música de Vigo e NCG.

A programación deste ciclo inclúe representacións da ópera Il Trovatore de Verdi e o ballet O Amor Bruxo de Manuel de Falla, así como recitais de piano dedicados a Verdi e Wagner, e unha gala lírica coa Academia de Moscova. Organizaranse tamén varias conferencias sobre o devandito bicentenario, mesas redondas, clases maxistrais e a proxección das catro óperas de O anel do Nibelungo, de Richard Wagner.

Voltar