Novas

Os resultados preliminares dos proxectos ALFILLER e TOPACIO, liderados por EXTRACO, presentados en senllos congresos internacionais

A medida que avanza a terceira e última anualidade dos proxectos ALFILLER e TOPACIO vanse materializando os resultados do seu desenvolvemento, unha parte dos cales foron presentados en senllos congresos internacionais o pasado mes de setembro. Trátase de dous proxectos liderados por EXTRACO, seleccionados na convocatoria competitiva de proxectos de I+D CONECTAPEME 2018 pola Axencia Galega de Innovación-GAIN para ser cofinanciados por este organismo, coa achega de fondos FEDER.

Os resultados preliminares de “ALFILLER: Valorización do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento” (Ref. IN852A 2018/39) foron presentados en “REHABEND 2020: Congreso Euro-Americano de Patoloxías da Construción, Tecnoloxías da Rehabilitación e Xestión do Patrimonio“, nunha comunicación titulada “Deseño de solucións sostibles para bloques prefabricados de formigón”, asinada por investigadores do Grupo de Construción (gCONS) da Universidade da Coruña (UDC) e por técnicos das empresas Prefhorvisa, Renga Enerxía, Galaicontrol e Extraco, participantes na investigación. A comunicación mostrou as dosificacións óptimas de formigón desenvoltas para bloques prefabricados, que se están empregando na actualidade na construción de varios prototipos demostradores a escala real. O congreso REHABEND, de carácter bianual e organizado polo Grupo de Xestión e Tecnoloxía da Edificación da Universidade de Cantabria, estaba previsto que se celebrase en Granada o pasado mes de maio, pero tivo que pospoñerse a causa do COVID-19, celebrándose finalmente en formato “en liña” entre os días 28 e 30 de setembro.

No caso de “TOPACIO: Tecnoloxías de Optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais” (Ref. IN852A 2018/37), os resultados obtidos no primeiro semestre de 2020 presentáronse no VIII Congreso Virtual sobre Historia das Vías de Comunicación, celebrado “en liña” do 15 ao 30 de setembro pasado. A comunicación, titulada “TOPACIO: Novas ferramentas para a xestión das infraestruturas do transporte e a prevención dos incendios forestais”, foi asinada por técnicos de Aeromedia, San2, Conexiona e EXTRACO, e presentou diversos resultados da hibridación das técnicas de inspección non destrutivas empregadas no proxecto (LiDAR embarcado en vehículos terrestres e aéreos, imaxes satelitais, información meteorolóxica de precisión e unha app específica e nativa de tipo “sensor cidadán”). Estas ferramentas de control foron validadas en diversas estradas xestionadas por EXTRACO, en escenarios reais da provincia de Ourense. O VIII Congreso sobre Historia das Vías de Comunicación ten carácter anual e está organizado pola Asociación “Orden de la Caminería de La Cerradura” de Pegalajar (Xaén), o Arquivo Histórico Diocesano da capital xienense e a Xunta de Andalucía.





Voltar