Novas

O novo recheo sanitario de Huaura (Perú), construído por EXTRACO, completamente operativo aos seis meses da súa inauguración

O novo recheo sanitario da provincia de Huaura, ao norte de Lima (Perú), está na actualidade totalmente operativo e dando servizo a unha poboación superior ás 190.000 persoas. Coa súa posta en funcionamento, os habitantes dos distritos de Hualmay, Huaura, Santa María, Vegueta, Caleta de Carquín e Huacho deixaron de botar os lixos sen separación nin tratamento previo ao vertedoiro municipal, situado ao sur de Huacho, e que foi definitivamente clausurado.

Este recheo sanitario, construído por  EXTRACO, forma parte do sistema integral de xestión de residuos sólidos promovido polo Ministerio do Ambiente (MINAM)  da República do Perú: cunha superficie de 4 hectáreas, ten capacidade de almacenamento de residuos para un período estimado de 10 anos,  podendo ampliarse en caso de necesidade, ao estar dispoñibles outras 40 hectáreas nas súas inmediacións.

As instalacións complétanse cunha planta de tratamento de residuos orgánicos e outra de separación de inorgánicos, materiais reciclables e reaproveitables. Para o co-financiamento da obra, o Ministerio do Ambiente tivo o apoio da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón (JICA).

A inauguración oficial das novas instalacións tivo lugar o 13 de maio deste ano e contou coa presenza do presidente da República do Perú, Francisco Sagasti,  quen destacou que este tipo de iniciativas axudan a mellorar  e protexer o medio ambiente do país. Resaltou ademais que a obra inaugurada mostra o traballo de cooperación desenvolvido entre os gobernos locais e o goberno central da República.

Voltar