Novas

Avances nos tres proxectos de I+D de Extraco seleccionados en ConectaPeme 2018

Os tres proxectos de I+D de Extraco seleccionados na convocatoria Conectapeme 2018, ‘Alfiller’, ‘Topacio’ e ‘Geo4Radón’, avanzan de forma positiva segundo a planificación prevista, a punto de finalizar a segunda anualidade dos mesmos.

No primeiro deles, o proxecto “Alfiller: Valorización do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento” (Expte. IN852A 2018/39), completáronse as tarefas de caracterización física, mecánica e química do filler de rexeitamento da planta de fabricación de material bituminoso de Extraco. Desenvolvéronse tamén as dosificacións de morteiros de albanelería e revestimento e dos formigóns tipo grout. De maneira paralela, o equipo de investigación están a realizar as análises de ciclo de vida e pegada de carbono dos novos produtos deseñados, cuxo centro tecnolóxico é o Grupo de Construción (gCONS) da ETS Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña (UDC) que dirixen os profesores Belén González Fonteboa e Fernando Martínez Abella (investigadores principais).

Fig. Ensaios de formigóns deseñados en “Alfiller”.

O proxecto “Topacio: Tecnoloxías de Optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais” (Expte. IN852A 2018/37) avanzou na precisión dos sistemas de adquisición de datos de campo, con tecnoloxías LiDAR e con drons, en diferentes escenarios reais, como a autovía Ourense-Celanova (AG-31) e o parque natural da Baixa Limia – Serra do Xurés. Colocáronse estacións meteorolóxicas complementarias para establecer os algoritmos que definan os índices de incendio nas zonas estudadas, e estanse desenvolvendo novos sistemas para o procesamento de datos e análises da información recompilada, así como novas arquitecturas de software para un procesado máis efectivo, incluíndo unha aplicación tipo “sensor cidadán”. Para o desenvolvemento deste proxecto, Extraco conta coa colaboración do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (GEOTECH) da Universidade de Vigo e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, integrado na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) – Xunta de Galicia, coordinados polo profesor Higinio González Jorge.

Fig. UAV (dron) utilizado nas medicións realizadas na
Autovía Ourense-Celanova para o proxecto “Topacio”.

Finalmente, no proxecto “Geo4Radón: Predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radon” (Expte. IN852A 2018/38) fixéronse avances moi significativos, como a execución e instrumentación dos campos de captación xeotérmica previstos nas instalacións centrais de Extraco en Ourense, baixo a dirección do profesor José Fernández Seara, do Grupo de Enxeñería Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos da Universidade de Vigo.

Estes tres proxectos contan con financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) – Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Fig. Traballos de prospección de pozos de xeotermia do proxecto Geo4radón
nas instalacións centrais de Extraco en Ourense.









Voltar