Novas

Presentados en universidades galegas varios proxectos de I+D+i liderados por Extraco

Extraco participou durante as últimas semanas en actos públicos de difusión en varias universidades galegas dos resultados preliminares de tres proxectos de I+D+i liderados pola empresa: Alfiller, Topacio e Geo4Radón. Estas tres investigacións foron seleccionadas na convocatoria competitiva Conectapeme 2018 para ser cofinanciadas pola Axencia Galega de Innovación – GAIN da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia no trienio 2018-2020, a través de Fondos FEDER.

Os resultados de 2019 de “ALFILLER: Valorización do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento” (Ref. IN852A 2018/39), presentáronse o 18 de novembro na E.T.S. de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña (UDC). Neste acto mostráronse os traballos de caracterización física, química e mecánica do filler de rexeitamento procedente das plantas de aglomerado de Extraco (xa finalizados), así como os resultados obtidos relativos ao desenvolvemento de novos morteiros de albanelería, revestimento e formigóns de recheo para bloques prefabricados. Na presentación participaron investigadores do Grupo de Construción (gCONS) da UDC e representantes do consorcio de empresas que desenvolven o proxecto, xunto con Extraco: Prefhorvisa Outeiro, Galaicontrol e Renga Enerxía.

Pola súa banda, o acto de difusión dos resultados de 2019 do proxecto “TOPACIO: Tecnoloxías de Optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais” (Ref. IN852A 2018/37), tivo lugar o 28 de novembro no Edificio Campus da Auga de Ourense, nunha cita na que participaron representantes das empresas que traballan no proxecto (Extraco, Aeromedia, Conexiona Telecom e San2), dos grupos de investigación GEOTECH e GTE da Universidade de Vigo (UVigo), e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Ademais de mostrar os resultados de monitoraxe a escala real na Autovía Ourense-Celanova (AG-53) e en Lobios (Parque Natural do Xurés), analizáronse os algoritmos de cálculo desenvolvidos para o control da vexetación en infraestruturas, a partir de inspeccións realizadas con LiDAR, drons e imaxes de satélite.

Finalmente, o proxecto “GEO4RADÓN: Predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radon” (Ref. IN852A 2018/38), deu a coñecer o seu balance do pasado ano o 17 de decembro na E.T.S. de Enxeñeiros Industriais de Vigo. Xunto ao investigador principal do proxecto, o profesor José Fernández Seara, catedrático do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas, Motores Térmicos e Fluídos da Universidade de Vigo (UVigo), participaron técnicos das cinco empresas que o desenvolven (Extraco, Megodeza, Conexiona, Galaicontrol e Renga Enerxía). Tras resumir os avances acadados na construción dos campos de captación de enerxía xeotérmica, deseño de sistemas de control e medidas preliminares para detección de gas radon realizadas nas oficinas centrais de Extraco en Ourense, os asistentes visitaron o banco de ensaios da UVigo, onde se está probando a nova bomba de calor de altas prestacións deseñada no proxecto. A previsión é que ao longo do primeiro trimestre de 2020 se instale esta bomba no novo sistema de climatización que está en fase de construción.










Voltar