Novas

Os resultados preliminares do proxecto “KEOPS”, presentados no Congreso Internacional REHABEND 2022 e no encontro de innovación de ATIGA (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia)

Os resultados preliminares do proxecto de I+D+i “KEOPS: Solucións cementantes xeopoliméricas de sustentabilidade integral e alto valor engadido a partir de residuos de construción” foron presentados con éxito en diversos foros técnicos e empresariais no último cuadrimestre deste ano 2022

O proxecto, iniciado por EXTRACO en 2021, ten como obxectivo principal desenvolver novas formulacións base de formigóns que prescindan do cemento Portland na súa composición, empregando xeopolímeros obtidos a partir da combinación de diversos tipos de Residuos de Construción e Demolición (RCD) e escorias de arco eléctrico. Preténdese obter materiais de construción máis eficientes e medioambientalmente sostibles, fabricados a partir de subprodutos tradicionalmente considerados como residuos, facilitando así a súa valorización e fomentando a circularidade na industria da construción

Ademais da colaboración de CETIM e da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) como centros tecnolóxicos, xunto con EXTRACO participan neste proxecto as empresas Cementos Cruz; Cromogenia Units, S.A.; Adec Global S.L. e Perfhorvisa. O proxecto conta co apoio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI)-Ministerio de Ciencia e Innovación (Ref. IDI-20210195).

As primeiras dosificacións experimentais de formigóns xeopoliméricos desenvolvidas por EXTRACO foron presentadas na novena edición do “Congreso Euro-Americano de patoloxía da construción, tecnoloxía da rehabilitación e xestión do patrimonio” (REHABEND 2022), nunha comunicación titulada “Geopolymer cementitious solutions with integral sustainability and high added value based on construction wastes. KEOPS Project: preliminary findings”. Esta edición do congreso (un dos de maior prestixio no seu campo, e con carácter bianual) tivo lugar en Granada, entre os días 13 e 16 de setembro de 2022, organizado conxuntamente pola Universidade de Cantabria e a universidade granadina.

Varias mostras dos novos formigóns desenvolvidos por EXTRACO expuxéronse por primeira vez ao público no encontro empresarial sobre innovación tecnolóxica organizado pola ATIGA (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia) o pasado 22 de novembro en Vigo (Pontevedra), baixo o lema “Recordos do Futuro”. O encontro, que tivo lugar no espazo “O Tinglado” do Porto de Vigo, estivo auspiciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), e enmárcase nos actos do décimo aniversario de ATIGA, entidade integrada polos sete centros tecnolóxicos privados de referencia en Galicia: AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, ENERGYLAB, GRADIAN, ITG e CETIM.

As probetas experimentais fabricadas cos innovadores formigóns foron presentadas no espazo expositivo de CETIM, durante a visita de Dª Patricia Argerey, directora de GAIN.

 

Máis información en:

https://www.rehabend.unican.es/2022/organizing-committee/

https://www.atiga.es/recuerdos-del-futuro-2022/

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/74855/xunta-felicita-atiga-decimo-aniversario-por-contribucion-transformacion-del-tejido?langId=es_ES

Voltar