2020 Abr 14
Extraco executa a rehabilitación integral da antiga sede de Sanidade na Coruña para crear o novo Espazo Amizar
Extraco afronta os traballos de rehabilitación da antiga sede de Sanidade na Coruña para converter este inmoble no novo Espazo Público Amizar. A reforma, impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas, foi adxudicada á UTE formada por Extraco e Servicios Gómez Crespo SL, cun prazo de execución de 12 meses.
As obras de rehabilitación integral deste edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa de Gregorio Hernández dividiranse en dúas fases. A primeira inclúe a demolición de divisións internas, fachadas, levantado de carpinterías, instalación e mobiliario, de forma que as estruturas queden baleiras. Posteriormente reconstruirase todo o inmoble para uso administrativo e social sobre a mesma estrutura.
A intervención neste edificio destinarase a oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia administración autonómica, contando ademais cun salón de actos para todos os usuarios do Espazo Amizar.
De xeito paralelo levaranse a cabo durante sete meses os traballos complementarios na futura sede do 061 na parte sur da parcela, unha actuación que permitirá habilitar o edificio, antes destinado a base medicalizada terrestre, para acoller os espazos para ambulancias e medicamentos, así como estancias de descanso, traballo e reunións.
O complexo que se vai convertir no Espazo Amizar conta cun inmoble principal composto de dúas pezas, unha prismática de cinco alturas e planta rectangular, e outra con planta ovalada e catro alturas no interior da parcela. Ambas están unidas por unha zona de paso nas diferentes plantas. Así mesmo, na parte sur da parcela existe outro edificio máis pequeno, de dúas plantas (unha utilízase como arquivo e outra está en desuso) no que se situará a futura sede do 061.
As obras previstas modificarán os núcleos de comunicación vertical e os accesos; intervirase no patio interior, mellorarase a entrada de luz e a permeabilidade visual, e reformarase a fachada, de forma que se proxectará unha imaxe renovada do conxunto. Acometerase tamén unha mellora da eficiencia enerxética.