Novas

Extraco avanza nos proxectos ‘Innobiorresiduos’ e ‘Cenicienta’ coa construción de dous tramos de asfalto

Extraco deu un paso máis no desenvolvemento de dous proxectos de I+D+i nos que participa, ‘Innobiorresiduos’ e ‘Cenicienta, coa construción de senllos tramos de asfalto de proba en Allariz (Ourense), previstos na anualidade de ambas iniciativas de investigación. Estes proxectos contan con financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e de Fondos Feder da Unión Europea, obtido na convocatoria competitiva Conectapeme 2016.

O proxecto ‘Innobiorresiduos’ pretende valorizar o uso de residuos agroalimentarios en aplicacións innovadoras, entre elas a fabricación de pavimentos, buscando produtos máis ecolóxicos e respectuosos co medio ambiente. Para o seu desenvolvemento, Extraco contou desde 2016 coa colaboración do Grupo de Investigación en Biotecnoloxías Agroalimentarias da Universidade de Vigo e do Grupo de Enxeñería Civil e Enerxías Mariñas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situados nos campus de Ourense e Lugo, respectivamente, nunha clara aposta do proxecto por potenciar os campus universitarios periféricos de Galicia.

Pola súa banda, o proxecto ‘Cenicienta’ estuda os usos alternativos das cinzas de fondo que se producen nas centrais térmicas para a construción de obra civil e edificación, un residuo que actualmente constitúe un problema ambiental de primeiro nivel. A investigación analiza a súa utilización na fabricación de morteiros, formigóns, elementos prefabricados de formigón e mesturas bituminosas en quente. Para acadar estes obxectivos, Extraco traballa desde 2016 co Grupo de Construción (GCONS) da ETS Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña e co Grupo de Enxeñería Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA) da Escola Politécnica Superior de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os dous tramos de proba construíronse nas instalacións da planta de fabricación de mesturas bituminosas que Extraco ten en Allariz, e estanse empregando para probar, a escala real, as propiedades dos novos materiais de construción deseñados en ambos proxectos de I+D+i, validando o seu uso tanto na estabilización de solos e capas de base como na fabricación de novos tipos de firmes bituminosos.

Voltar