Novas

O sistema de climatización xeotérmica do proxecto GEO4RADÓN, liderado por EXTRACO, en fase de probas

Ao longo deste mes de decembro completáronse as probas de funcionamento do prototipo desenvolvido no proxecto de I+D+i “GEO4RADON: Predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radón”. Unha vez instalada a bomba de calor de alta potencia e prestacións melloradas no contedor que alberga o prototipo, conectáronse ao colector xeral as diferentes partes que o integran: conducións provenientes dos campos de captación xeotérmica, bombas de impulsión, aerotermo e paneis de enerxía solar térmica, completando así o circuíto construído nas instalacións centrais de EXTRACO, en Ourense. O programa de control integrado desenvolvido (na imaxe) permite analizar, entre outros parámetros-obxectivo do proxecto, os campos de temperaturas dos pozos de captación e a presenza de gas radón nas sondaxes, estudando a interacción entre os pozos e a súa evolución no tempo. Durante o primeiro trimestre de 2021 programarase a celebración dun acto público de difusión que dea a coñecer os resultados finais deste proxecto, que foi cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación – GAIN, Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no trienio 2018-2020, a través de Fondos FEDER, no programa CONECTAPEME 2018 (Ref. IN852A 2018/38).




Voltar