Novas

Celebrados os actos de presentación de resultados que pechan os proxectos de I+D ALFILLER, GEO4RADÓN e TOPACIO, liderados por EXTRACO

Ao longo deste mes de marzo celebráronse os actos públicos de presentación e difusión dos resultados finais dos proxectos Alfiller, Geo4radón e Topacio. Trátase de tres proxectos de I+D desenvolvidos no período 2018-2020, que foron seleccionados pola Axencia Galega de Innovación-GAIN na convocatoria CONECTAPEME 2018. Debido á situación sanitaria derivada da pandemia por COVID-19, nos tres casos desenvolvéronse en liña, a través de plataformas telemáticas.

O primeiro dos actos celebrouse o 05/03/21 e mostrou aos asistentes os principais resultados do proxecto “TOPACIO: Tecnoloxías de Optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais” (Ref. IN852A 2018/37). Ademais das actividades acometidas en 2020, presentouse a versión final do sistema integrado de xestión de infraestruturas que, entre outras novidades, controla o estado da vexetación asociada ás estradas, co obxectivo final de previr os incendios forestais. A presentación completouse cun vídeo que exhibe casos reais de uso, nos que se validou o sistema de xestión. O acto contou coa participación de representantes das empresas Conexiona, San2, Aeromedia e Extraco, acompañados por investigadores da  Universidade de Vigo (UVigo). O vídeo pódese ver na seguinte ligazón:

https://www.youtube.com/watch?v=7np8L8PYp9Q

A presentación de resultados de “ALFILLER: Valorización do filler de recuperación de plantas asfálticas para o desenvolvemento de eco-produtos de base cemento” (Ref. IN852A 2018/39), tivo lugar o pasado 12/03/21: ademais das dosificacións optimizadas de novos tipos de morteiros e formigóns que incorporan filler de recuperación na súa composición, mostráronse os prototipos construídos a escala real que serviron para a súa validación. A exposición completouse cun vídeo resumen do proxecto, preparado polo Grupo de Construción (gCONS) da Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coas empresas Prefhorvisa, Galaicontrol, Renga Enerxía e Extraco. O vídeo pódese ver na seguinte ligazón:

https://www.youtube.com/watch?v=yZcO47JfpEk

O último acto foi o relativo a “GEO4RADÓN: Predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radón” (Ref. IN852A 2018/38), celebrado o pasado 17/03/21. Representantes das empresas Conexiona, Galaicontrol, Renga Enerxía, Megodeza e Extraco mostraron o novo sistema de climatización desenvolvido neste proxecto, totalmente finalizado, con apoio do Grupo de Refrixeración en Enxeñería Térmica (REIT) da Universidade de Vigo (UVigo). O prototipo final aproveita a enerxía xeotérmica do terreo, incorporando ademais enerxía aerotérmica e solar térmica, integrando nun único dispositivo diferentes tipos de enerxías renovables. Incorpora no seu deseño unha bomba de calor de alta potencia e prestacións melloradas, capaz de mobilizar estas enerxías “limpas”, optimizando o aproveitamento dun tipo ou outro de enerxía e posibilitando a recarga dos pozos de captación, en función da súa dispoñibilidade e da súa eficiencia ao longo do tempo.

GEO4RADÓN incluíu un estudo pioneiro sobre a concentración e difusión do gas radón nos pozos de captación xeotérmica, analizando a influencia que teñen aspectos como a localización dos pozos, tipos de sondaxes e materiais de recheo empregados na súa construción, establecendo diferentes propostas para a súa redución

Coa celebración destes actos danse por finalizados os tres proxectos de I+D liderados por EXTRACO, que foron co-financiados pola Axencia Galega de Innovación-Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, na convocatoria competitiva CONECTAPEME 2018, co apoio de fondos FEDER da Unión Europea










Voltar