Novas

Avanzan os resultados dos proxectos ‘Innobiorresiduos’ e ‘Cenicienta’ no III Congreso Internacional de Enxeñería Civil e Territorio

Extraco foi unha das empresas protagonistas no III Congreso Internacional de Enxeñería Civil e Territorio, organizado en Vigo polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e a Ordem dos Engenheiros de Portugal, en outubro pasado. Nesta cita presentáronse dous importantes proxectos de I+D+i nos que a empresa participa: ‘Innobiorresiduos’ e ‘Cenicienta’.
O proxecto ‘Innobiorresiduos’ pretende valorizar o uso de residuos agroalimentarios en aplicacións innovadoras. Extraco traballa dende 2016 nesta iniciativa xunto ao Grupo de investigación en Biotecnoloxías Agroalimentarias da Universidade de Vigo, coordinado polo profesor da Facultade de Químicas de Ourense José Manuel Domínguez, e o Grupo de investigación en Enxeñería Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA) da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela-USC), coordinado polo profesor Alberte Castro.
Ademais da produción de enzimas, bacteriocinas e biosurfactantes a partir de fraccións celulósicas presentes en residuos agroalimentarios de diferentes orixes (residuos de ourizos de castañas, podas de árbores, taboleiros de madeira), a investigación persegue a produción de bioasfaltos cun antioxidante natural como axente aglutinador, denominado lignina.
Outro dos proxectos destacados é o bautizado como ‘Cenicienta’, unha iniciativa para a valorización de cinzas de centrais térmicas no ámbito da obra civil e a edificación, na que Extraco toma parte dende febreiro de 2016.
O obxectivo principal desta investigación é o uso das cinzas de fondo que se producen nas centrais térmicas na fabricación de morteiros, formigóns, elementos prefabricados de formigón e mesturas bituminosas en quente.
Xunto a Extraco, forman parte desta iniciativa dous grupos de investigación da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC): o Grupo de Construción (GCONS) da ETS Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Coruña, coordinado polo catedrático Fernando Martínez Abella, e o Grupo de investigación en Enxeñería Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA) da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), coordinado polo profesor Alberte Castro.
Ambos proxectos contan con financiamento público, obtido na convocatoria competitiva ConectaPeme 2016 da Axencia Galega de Innovación (GAIN)-Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea. Códigos dos proxectos: IN852A 2016/128 e IN852A 2016/178.

Voltar