Novas

EXTRACO, primeira empresa construtora presente na “Materioteca de Galicia”

Extraco é a primeira empresa construtora e de servizos relacionados que colabora coa “Materioteca de Galicia”, un espazo singular para a difusión de materias innovadores, no que se expoñen e arquivan mostras clasificadas de novos tipos de materiais, desenvolvidos por centros tecnolóxicos, organismos de investigación e empresas da comunidade.

Extraco aportou á exposición permanente e ao arquivo da “Materioteca” mesturas bituminosas en quente aditivadas con lignina, resultantes do proxecto Innobiorresiduos, desenvolvido pola empresa no período 2016-2018 con grupos de investigación das universidades de Vigo (UVigo) e Santiago de Compostela (USC). Neste proxecto valorizáronse residuos agro-industriais para a obtención de bio-produtos de alto valor engadido en aplicacións innovadoras, entre elas a fabricación de novos tipos de pavimentos, máis ecolóxicos e respectuosos co medio ambiente. O proxecto contou co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) na convocatoria Conectapeme 2016 (Ref. IN852A 2016/128).

A “Materioteca de Galicia” sitúase en Ferrol (A Coruña), nas instalacións de CIS Tecnoloxía e Deseño, entidade de referencia para a Innovación da Xunta de Galicia, que ofrece servizos especializados de transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial galego, como elemento clave para mellorar a súa competitividade e modernización.

Máis información en: https://www.materioteca.gal/es/

Voltar