Novas

Extraco obtén o indicador ARDÁN ‘Empresa Innovadora’

Extraco obtivo o indicador Ardán ‘Empresa Innovadora’, un distintivo que se outorga ás compañías galegas que presentan altos niveis no seu desempeño innovador, medido a través de indicadores como o esforzo en I+D interna, capacitación en I+D+i, tecnoloxía en procesos, produtividade laboral ou retorno da i+D+i.
Os proxectos de investigación e desenvolvemento levados a cabo pola empresa no último ano, así como o desempeño innovador, foron claves á hora de distinguir a Extraco con esta acreditación específica, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. Esta entidade desenvolve, a través do sistema de información empresarial Ardán, unha liña de indicadores que distingue a aquelas compañías que son líderes na súa actividade e resolven de forma sobresaínte aspectos relacionados coa xestión empresarial.
Os indicadores Ardán están apoiados por grupos de investigación de ámbito universitario e revísanse e actualízanse anualmente, de forma que permiten constatar a realidade empresarial e proporcionan ás empresas instrumentos de medición para unha mellor posición estratéxica e competitiva.
Extraco conta actualmente con tres proxectos de I+D+i en marcha: ‘Alfiller’ -para a recuperación do filler de plantas asfálticas para o desenvolvemento de ecoprodutos de base cemento-, ‘Geo4Radón’ -que busca a predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e a análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radon-, e ‘Topacio’ -que trata de desenvolver novas tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais-.

Voltar