Novas

EXTRACO, segundo premio no “I Certame de Materiais Innovadores de Galicia”, organizado pola Axencia Galega de Innovación-GAIN

EXTRACO gañou o segundo premio do “I Certame de Materiais Innovadores de Galicia”, organizado pola Axencia Galega de Innovación-GAIN, a través da Materioteca de Galicia. Os formigóns e morteiros fabricados con cunchas de bivalvos galegos, desenvolvidos por EXTRACO coas empresas Galaicontrol e Serumano, xunto co Grupo de Construcción (gCONS) da Universidade da Coruña (UDC) foi unha das dúas propostas finalistas na categoría Empresa-Investigación. Estes materiais son resultado do proxecto de I+D+i “BIOVALVO”, co-financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI)-Ministerio de Ciencia e Innovación, entre 2013 e 2015 (Ref. ITC-20133094).

A sustentabilidade e orientación á economía circular foron a nota común nos catro materiais gañadores, seleccionados de entre as 80 candidaturas presentadas, organizadas nas categorías de artesanía, empresas, centros de coñecemento e consorcios mixtos empresa-investigación.

O peche do certame tivo lugar nas instalacións de CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol o pasado 3 de novembro, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Materiais,  nun acto presidido por Patricia Argerey, directora de GAIN, que entregou aos premiados un vaso campaniforme conmemorativo, deseñado especialmente para a ocasión e fabricado con polímeros impresos con tecnoloxía 3D.

Durante a celebración do evento presentouse unha publicación con entrevistas aos creadores dos materiais seleccionados e finalistas, para contribuír  á difusión pública do esforzo que realizan profesionais, empresas e centros de coñecemento galegos no campo da I+D+i en materiais innovadores. Pode descargar a publicación aquí.

Pode ver un breve vídeo resumo dos dous materiais premiados na categoría Empresa-Investigación no seguinte enlace.

Máis información en: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/63240/sostenibilidad-circularidad-triunfan-certamen-materiales-innovadores-galicia?langId=es_ES

Voltar