Novas

Extraco, protagonista de ‘Facendo Galicia’ en El Correo Gallego

Extraco é unha das compañías protagonistas de ‘Facendo Galicia’, unha iniciativa do diario El Correo Galego coa que o xornal quixo “homenaxear a quen no medio dun ambiente hostil, enfrontados a unha gran crise, conseguiron con espírito innovador, constancia, ilusión e asunción de risco e sacrificio, manter viva unha empresa, sacar adiante os seus proxectos, crear riqueza, xerar postos de traballo e poñer moi alto o listón que marca o prestixio e modernidade do noso tecido produtivo”.

Concretamente, a construtora ocupou as páxinas centrais deste diario a finais do mes de xullo, cunha reportaxe de dobre páxina que lembraba a historia da empresa e que incluía unha entrevista co seu presidente, Pablo Prada.

A información repasa sucintamente os case 50 anos de historia de Extraco e destaca que a compañía soubo adaptarse ás esixencias de innovación tecnolóxico-sectoriais, situándose e permanecendo entre as cincuenta empresas construtoras de maior nivel de facturación e presenza en toda España, e que está presente en países como Portugal, Perú ou Panamá.

Pablo Prada Valencia explica ademais que a crise económica e financeira afectou de forma importante a todo o sector, pero engade que Extraco, tras un gran esforzo de todo o seu cadro de persoal, afortunadamente estase recuperando e hoxe conta co maior número de traballadores da súa historia. Resalta así mesmo a aposta da empresa polo desenvolvemento de proxectos de investigación e lembra que puxo en marcha hai algúns anos un departamento de I+D+i.

Na entrevista, Prada destaca o capital humano da construtora, cunha ampla e dilatada experiencia, os certificados que acreditan a solvencia dos sistemas de xestión que implantou, ou o laboratorio propio que permite realizar autocontrois dos materiais que emprega e dos produtos que fabrica.

A reportaxe resalta ademais que Extraco se atopa nestes momentos nun proceso de transformación para deixar a condición de empresa familiar e converter en profesional a súa xestión.

Pablo Prada ten clara a clave do éxito: “Reside en facer as obras ben e rápido: ben, porque cando unha obra está ben feita non hai que reparala, aforrando custos e evitando problemas cos teus clientes, e rápido porque é o que che permite executar máis obras en menos tempo e, por tanto, rendibilizalas máis”.

Voltar